Día Mundial das Montañas 2016 no Monte Pindo

Envíanos a FGM información (este PDF) sobre o Día Mundial das Montañas 2016. A continuación reproducimos un pequeno resume do contido do PDF:

Día Mundial das Montañas

<<O domingo, 11 de decembro, a Federación Galega de Montañismo organiza un roteiro polo Monte Pindo.

No ano 2003, as Nacións Unidas sinalaron o 11 de decembro no calendario como o Día Internacional das Montañas. Unha data destinada a defender e reivindicar os espazos vencellados a estes colosos xeolóxicos que tanto nos aportan.

Dende entón, en Galicia, diferentes clubes e organizacións, agrupados baixo o paraugas da Federación Galega de Montañismo, veñen celebrando esta data dando a coñecer e promovendo a conservación de diferentes montes e montañas da nosa Comunidade.

Este ano, o lugar elixido para realizar esta xuntanza será o Monte do Pindo, e estará auspiciada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, que dende o 2010 loita pola proteción especial desta montaña tan singular para Galicia.
Ruta:
O roteiro que terá lugar o domingo, 11 de decembro, ás 11.00 h, partirá dende o pobo de O Fieiro (Dumbría), ata o alto da Moa. Unha vez alí, ofreceranse tres opcións de baixada: continuar pola ruta transversal do monte, facendo así un percorrido circular, voltar polo mesmo camiño da subida, ou baixar ata a vila do Pindo. Neste último caso o percorrido sería lineal.

Para máis información ou ben o PDF ou contacto coa organización, este é o enlace ó evento de Facebook creado pola Federación Galega de Montañismo.>>